A CIG participa no encontro do Sur Global dos Sindicatos pola Enerxía Democrática, TUED

Internacional -

A CIG participou no encontro do TUED (Sindicatos pola enerxía democrática) Sur, de América Latina e o Caribe, sobre transición enerxética celebrado en Bogotá entre o 6 e o 9 de maio. Baixo o lema "as empresa públicas son do pobo, a privatización non é unha transición xusta", na reunión de carácter político-rexional, participaron 60 representantes de máis de 20 sindicatos, ademais de representantes dos gobernos progresistas da zona, ONG e movementos sociais implicados na temática.

Estas reunións interrexionais teñen como obxectivo a coordinación entre os sindicatos dos distintos países que forman parte de TUED (como a CIG), a identificación de retos a escala do Sur Global, o intercambio de análises de tendencias e a discusión dos seguintes pasos para a Plataforma TUED Sur.

Logo da avaliación do panorama enerxético actual en cada rexión, exploráronse as oportunidades para desenvolver unha Vía Pública neste proceso de transición, desenvolver programas políticos comúns atendendo ás peculiaridades de cada territorio, e combinando a análise que se fai desde os sindicatos coa dos/as investigadores/as, aliados gobernamentais e do movemento social.

Entre os obxectivos cos que se afrontou esta reunión, están os seguintes:

- Desenvolver unha análise colectiva compartida por sindicatos e investigadores/as afíns sobre as leccións extraídas dos catro períodos xerais, entre os anos 1960 e 2020, sobre o desenvolvemento rexional e as políticas enerxéticas.

- Analizar o momento actual e identificar as oportunidades para impulsar a Vía Pública nas distintas rexións.

- Debullar, en termos concretos, os futuros planos e estratexias enerxéticas dos diferentes países representados na reunión para proporcionar unha boa base de cara aos debates estratéxicos rexionais que se afrontarán na reunión de Bos Aires.

- Introducir a idea dun colectivo de investigación rexional para a Vía Pública para fomentar o intercambio regular de resultados de investigación e desenvolver análises complementarios.

- Presentar e intercambiar metodoloxía e ferramentas de investigación sobre as tendencias enerxéticas mundiais (unha das sesións estivo centrada nun obradoiro de investigación).

- Abordar os límites do Documento Marco TUED Sur, no que atinxe á rexión de América do Sur e o Caribe.

- Incorporar datos e perspectivas sobre cada unha das rexións e comezar a elaborar o “Documento de Posición de TUED Sur”, para a vindeira reunión.

- Preparar esa vindeira reunión en Bos Aires, en novembro deste ano.

Os sindicatos de América Latina expuxéron as súas situación específicas, sobre todo no que ten a ver coa dependencia e exportación de materias primas, como un dos principais retos para o seu desenvolvemento e para poñer en marcha a Vía Pública (coas diferenzas, segundo os seus recursos, desde os fósiles, até o litio). Esta dependencia, formula varias cuestións:

  • como podería ser no futuro inmediato unha política industrial coordenada a nivel rexional, que apoie a soberanía económica e de gobernanza
  •  cal é o papel dentro da construción dunha Vía Pública
  •  como pode promover o movemento sindical o establecemento de acordos público-públicos no sector enerxético e as súas cadeas de subministro clave
  • a formulación para recuperar e restaurar as empresas de servizos que foron privatizadas e/ou corporativizadas durante o período neoliberal
  • como aproveitar o momento político actual dalgúns países con gobernos progresistas no poder
  • que demandas políticas a escala internacional, levadas a cabo por sectores progresistas, poderían aliñarse potencialmente cos obxectivos da Vía Pública? Por exemplo, o financiamento dunha vía pública mediante a xustiza fiscal, as demandas dos DEG, a reestruturación da débeda soberana etc.
  • quen son os actores sociais estratéxicos na Vía Pública cara a Transición Enerxética

Dadas estas cuestións, na reunión participaron tamén representantes do goberno de Gustavo Petro (dos Ministerios de Minas e Enerxía e de Traballo), do goberno de Bolivia, e do goberno de López Obrador de México. Tamén doutras organizacións, como a Fundación Rosa Luxemburgo, do Centro de Investigación e Responsabilidade Fiscal Corporativa Internacional (CICTA), da Fundación PLADES (Programa Laboral de Desenvolvemento), ou personalidades que participaron no proceso de privatización da empresa ISAGEN, mercada por Brookfield.

A CIG, pola súa banda, explicou cal é a situación en Galiza desde o punto de vista enerxético, como un territorio destinado, ao máis puro estilo colonial, a abastecer  de enerxía a outros territorios do estado, sen contraprestacións, e cuns efectos nocivos para o noso pobo, o noso territorio e os nosos tecidos produtivos. Expúxose tamén cal é a alternativa que propón a CIG para unha verdadeira transición xusta, e como organiza a resposta sindical e social no noso país, tanto na vía institución como a través da mobilización social.

Na Coruña, a 14 de maio de 2024.

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.

Volver