A CIG-Servizos mobilízase contra a represión sindical no centro de día Agarimo de Vigo

A empresa despediu “por perda de confianza” a traballadora candidata da central no proceso de eleccións sindicais

Vigo -

A CIG-Servizos desenvolveu unha concentración este mediodía diante do centro de día Agarimo de Vigo, na rúa O Grove, no barrio de Coia, para rexeitar a represión sindical exercida pola empresa contra a súa candidata no proceso de eleccións sindicais. Dende a central denuncian que a traballadora foi despedida “por perda de confianza” cando se soubo que ía concorrer ao proceso en representación da CIG.

Segundo explican dende a federación de Servizos, a central decidiu promover eleccións sindicais por primeira vez no centro de día Agarimo, que leva un ano en funcionamento e no que traballan 18 persoas. De xeito que o pasado 24 de novembro rexistrou o preaviso, tras o que a traballadora agora afectada recibiu o apoio maioritario do cadro de persoal en asemblea para presentarse ao proceso en representación da CIG.

Días despois, o martes 12 de decembro, a empresa comunícalle o seu despedimento “por perda de confianza”, polo que a central sindical ponse en contacto coa dirección para tratar de reconducir a situación. “Mais o que recibimos é unha resposta con faltas de respecto, prepotencia e chulería, na que se verten acusacións inventadas contra unha traballadora exemplar que de feito está a recibir mostras de apoio do persoal tanto do centro de día como da residencia de maiores que esta mesma empresa xestiona na avenida do Aeroporto, tamén en Vigo”.

En consecuencia, a CIG decidiu poñer en marcha unha campaña de protestas contra a represión sindical na empresa e en solidariedade coa afectada “por este brutal ataque contra o dereito de liberdade sindical”, ao tempo que ten recorrido xa xudicialmente o despido para reclamar a súa nulidade. De xeito que mentres no se resolve o proceso nos xulgados a traballadora poderá concorrer ás eleccións sindicais, xa que o vindeiro 26 de decembro terá lugar a constitución da mesa.

Volver

Novas relacionadas