A CIG denuncia a “desproporcionada actuación policial” nunha concentración de empregadas/os da limpeza en Ourense

Os axentes denunciaron o secretario comarcal e identificaron catro representantes sindicais

Vigo -

A CIG vén de denunciar publicamente a “desproporcionada actuación” da Policía española durante unha concentración de traballadoras/es da limpeza diante da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO). Pouco antes do remate da protesta, convocada xunto a CCOO e UGT, os axentes denunciaron o secretario comarcal da central nacionalista, que chegou a ser zarandeado, e identificaron a catro representantes sindicais.

Segundo explican dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense, a desmedida actuación policial produciuse ao remate dunha concentración das traballadoras/es da limpeza diante da sede da CEO, que se mobilizan dende hai oito semanas en defensa do seu convenio colectivo. A protesta desenvolveuse sen incidentes até que os policías españois procederon a identificar a varios representantes sindicais por supostamente ter alterado a orde.

Foi entón cando interveu o secretario comarcal da CIG, Etelvino Blanco, para intentar mediar, sendo collido e zarandeado por dous axentes, que intentaron trasladalo até un furgón policial. A inmediata reacción das traballadoras/es alí presentes logrou evitalo, tras o que os policías formalizaron unha denuncia contra el por alteración grave da seguridade cidadá, negativa a identificarse e insultos.

Dende a central negan rotundamente estes feitos e denuncian que se tratou dunha actuación absolutamente desproporcionada e incendiaria por parte dos axentes, “que se mostran execesivamente celosos/as en custodiar a patronal e criminalizar a clase traballadora e os seus representantes”.

Volver