A asemblea de Constellium tumba o intento da empresa de revogar o comité da CIG

A compañía do Porriño puxo en marcha o proceso como represalia pola folga que durou 25 días e coa que se logrou a readmisión dun traballador

O Porriño -

A asemblea de traballadores/as de Constellium, empresa do sector da automoción con sede no polígono  porriñés da Granxa, tombou recentemente o intento da dirección de revogar o comité, integrado por cinco delegados da CIG. A compañía puxo en marcha o proceso como represalia pola folga que durou 25 días e coa que se logrou a readmisión dun traballador, a retirada das sancións e a negociación dos ritmos de traballo coa mediación do AGA.

Segundo denuncian dende a CIG-Industria de Vigo, o intento de revogación contou en todo momento coa complicidade de CCOO, “que a pesar de non contar con representación participou na asemblea da man da empresa coa idea de preparar unha candidatura afín á dirección”. 

O proceso contou coa complicidade de CCOO, que a pesar de non ter representación participou na asemblea da man da empresa

Por iso dende na central sindical valoran especialmente a actitude e a determinación amosada polos/as traballadores/es de Constellium, “que deron un exemplo de dignidade a pesar das presións recibidas por parte da compañía, sobre todo o persoal eventual”.

Coa súa capacidade de loita lograron manter en pé unha folga durante 25 días coa que lograron a readmisión dun compañeiro que fora despedido para amedrentar o cadro de persoal, a retirada das sancións aos membros do comité e a negociación dos altos ritmos de traballo impostos pola empresa.

Neste senso, salientan que o paro indefinido foi un éxito malia as constantes manobras da dirección para intentar boicotealo, primeiro unificando as tres quendas de traballo nunha única quenda e posteriormente implantando dúas quendas que se nutrían con persoal contratado por ETT, algo que lle supuxo unha sanción da Inspección de Traballo por vulneración do dereito de folga.

Volver