Italia: o Goberno de Meloni criminaliza a protesta social

Sergio Ferrari -

A Lei 1660 ou “Lei Mordaza”, que introduce máis de vinte novos tipos de delitos e circunstancias agravantes permite, entre outras, condenas de até 2 anos de cárcere a folguistas e participantes en protestas con cortes de rúas, estradas ou vías férreas

 

 Desde o 23 de outubro de 2022 cando asumiu o goberno a alianza liderada por Fratelli d’Italia (Irmáns de Italia) déronse escasas boas noticias para os sectores sociais italianos máis marxinados que viron perder dereitos esenciais, e agora, ademais, están a se converter en principal branco da represión.

 O proxecto Meloni, coa aposta de se configurar no referente europeo da extrema dereita, vén promovendo políticas de neto favor ao gran capital; aplica recortes significativos na educación e a saúde pública; combate de fronte os inmigrantes e elimina a Renda de Cidadanía, subsidio que beneficiaba a unha gran parte das familias pobres e persoas desempregadas. En paralelo, promoveu unha nova lei represiva antisocial, recentemente aprobada na Cámara de Deputados e agora á espera dunha próxima ratificación no Senado.

Criminalizar a protesta

 A Lei 1660 ou “Lei Mordaza”, que introduce máis de vinte novos tipos de delitos e circunstancias agravantes permite, entre outras, condenas de até 2 anos de cárcere a folguistas e participantes en protestas con cortes de rúas, estradas ou vías férreas. Incorpora o concepto de “terrorismo de palabra” con sancións posíbeis de até 6 anos para quen faga propaganda das loitas sociais. Ocupar unha casa ou un terreo baleiro ou solidarizarse cunha ocupación pode significar 7 anos de prisión. Calquera tipo de resistencia activa podería ser sancionado cunha pena de até 15 anos e a denominada resistencia pasiva, até con 4 anos. Incorpora novas sancións contra os inmigrantes sen permiso de residencia no país que non poderán, por exemplo, obter cartóns SIM para os seus teléfonos celulares. Ademais, penaliza severamente a mendicidade en lugares públicos.

 “Buscan criminalizar calquera tipo de protesta, pechar a boca ás voces críticas, desnaturalizando e negando dereitos democráticos esenciais”, afirma en entrevista exclusiva Paolo Banci, ex sindicalista, militante social de longa traxectoria da rexión toscana e presidente da sección local de Rignano sull’Arno da Asociación Nacional de Partisanos de Italia (ANPI). A ANPI é hoxe unha das maiores organizacións con presenza en todo o territorio nacional. Foi creada en xuño de 1944, en Roma, mentres o Norte sufría aínda a ocupación nazi-fascista. O 5 de abril de 1945 concedéuselle o status de “Ente moral”, o que lle outorgou personalidade xurídica, promovéndoa, de feito, como a asociación oficial dos partisanos. Independente dos partidos políticos, a ANPI, segundo a súa propia definición, “segue estando á vangarda na custodia e aplicación dos valores da Constitución, por tanto, da democracia, e na promoción da Memoria desa gran época de conquista da liberdade que foi a Resistencia”. Para a Asociación de Partisanos a loita antifascista de onte vai da man do combate universal pola memoria, contra a guerra, polos dereitos constitucionais e, nomeadamente, as conquistas sociais (https://www.anpi.it/).

Desorientación política e desilusión

 Mirar cara atrás, observar as eleccións parlamentarias de setembro de 2022 nas cales Giorgia Meloni (Irmáns de Italia) e os seus aliados (La Lega, Forza Italia e os demócrata-cristiáns de Somos Moderados) obtiveron o 44% dos votos, implica activar a crítica cara aos partidos de centro e esquerda. Estes, coas súas mornas políticas cando foron goberno, “abandonaron os sectores máis pobres, facilitaron o aumento do descontento popular e abriron de par a par as portas á chegada da extrema dereita ao Goberno”, sostén Paolo Banci, quen subliña que, desde entón, a alianza de Meloni co apoio do gran poder económico e mediático, “foi gañando a batalla cultural, a disputa ideolóxica e pon o pobo á defensiva”. Prometeron melloras que non cumpriron; aplican políticas que non anunciaran na campaña electoral e impuxeron, desta forma, argumentos e discursos paternalistas, simplistas e autoritarios que afectaron e seguen golpeando o conxunto das forzas progresistas, completa Banci.

 Desde as organizacións da sociedade civil e de base “somos moi críticos cos grandes partidos de esquerda e de centro, que non responderon as expectativas da xente e promoveron o actual escenario. Pensaron que cunha boa xestión administrativa sería suficiente e a realidade demostrou o contrario, coa consecuencia directa que o pobo italiano perdeu a esperanza no cambio e optou por unha alternativa conservadora. Falta hoxe unha real alternativa progresista de poder”, subliña o militante de Rignano sull’Arno.

 Para Banci, que en 2009 cun grupo de compañeiros reconstruíron e relanzaron a ANPI en diversos concellos do sur da rexión Toscana, aínda que a conxuntura política actual pode lerse con pesimismo desde os ollos dos sectores populares, “nada é definitivo, o movemento de base e da sociedade civil non está morto e seguen aparecendo certos sinais de esperanza de cara ao futuro”. Na súa análise, entran non só unha gran diversidade de iniciativas sociais na base, en todo o territorio —moitas delas promovidas pola xente nova– senón tamén algunhas propostas políticas maiores de transcendencia nacional.

O amencer tamén existe

 Paolo Banci menciona, a xeito de exemplo, a gran fronte asociativa que en Italia se manifesta a favor da fin da agresión en Gaza, que aposta por unha saída pacífica dese conflito e que promove o recoñecemento oficial do Estado Palestino. “Actualmente, os partidos de centro e esquerda están dentro desa fronte, pero non teñen a voz cantante nin xogan o rol central”, puntualiza.

 Nunha lóxica similar, o dirixente da ANPI e actor comprometido na solidariedade internacional, reivindica a importante mobilización dos últimos meses a favor dun referendo contra a nova Lei da Autonomía Diferenciada promovida pola Lega (anteriormente Lega Norte). Banci explica que “até o de agora -primeiros de outubro– recolléronse ao redor de 1.300.000 sinaturas, incluíndo moitas dixitais, especialmente de xente nova. Ese número representa máis do dobre do que a lei esixe para que un Referendo sexa votado. E aínda que os partidos de centro e de esquerda apoian esta iniciativa, tampouco xogan o rol protagónico que si ten o movemento socio-cultural e sindical”. Espérase que nos próximos meses a Corte Constitucional recoñeza a inconstitucionalidade da Lei e permita, así, unha votación popular, o que será, segundo o militante social, “un novo e gran desafío para conseguir unha maioría contra esa lei nas urnas”.

 Segundo as múltiples asociacións e organizacións sociais e culturais que promoveron o Referendo, a Lei de Autonomía Diferenciada debe ser derrogada porque “dividirá Italia en moitas pequenas patrias, aumentará as disparidades territoriais e agravará as xa insoportábeis desigualdades sociais, en detrimento de toda a comunidade e, en particular, dos traballadores e os obreiros, os xubilados e os pensionistas, a xente moza e as mulleres”. Ao priorizar o norte rico de Italia, en detrimento, esencialmente, do sur menos desenvolvido, esta lei “divide o país e prexudica tanto o sur como o norte; empobrece a man de obra; socava as políticas ambientais; afecta a educación e a saúde públicas; penaliza os concellos e as zonas do interior; complica a vida das empresas e obstaculiza o desenvolvemento nacional” (https://referendumautonomiadifferenziata.com/).

 A resistencia a esta lei, segundo Paolo Banci, ten unha importancia significativa, xa que constitúe o primeiro instrumento xurídico da gran reforma conservadora que promove a actual alianza de goberno. Se a Autonomía Diferenciada se acepta sen unha oposición popular contundente, seguiranlle a lei que impulsa Meloni para concentrar o poder a través a elección directa do primeiro ministro –debilitando todos os outros poderes do Estado– e, tamén, a que promove reestruturar a xustiza, iniciativa reaccionaria na cal está principalmente interesada Forza Italia.

 Aínda que o futuro político italiano está inzado de incertezas e desafíos, “non deixamos de apostar á permanente mobilización desde abaixo en defensa de dereitos sindicais, de apoio a fábricas ocupadas, de promoción de reivindicacións sociais, a favor da paz e contra os aires belicistas, de solidariedade cos inmigrantes, de reactualización da memoria colectiva antifascista”, reflexiona Paolo Banci. Certezas concretas: “é moi importante que organizacións como a nosa, a de partisanos, logre reunir máis de 150 mil membros en todo o país –máis que os afiliados dalgúns dos grandes partidos– e que constantemente moitos mozos que non queren afiliarse a un partido político pidan integrarse á nosa asociación”.

 Non menos significativo, tamén, é o rexurdimento da protesta contra a guerra e contra a militarización do territorio e das escolas, que inclúe, por exemplo, mobilizacións na rexión de Florencia contra a iniciativa gobernamental de instalar nesa zona o Comando da OTAN (Organización do Tratado do Atlántico Norte) para o sueste de Europa, o que se sumaría ás moitas bases norteamericanas e da Alianza Atlántica desde hai anos presentes en solo italiano.

 Sen dúbida, conclúe Banci, esas plataformas, redes, convocatorias e esforzos de mobilización, “poderían converterse, no futuro, no punto de partida da construción dunha alternativa ao actual goberno. Unha alternativa que lle devolva a ilusión á xente e promova a confianza nun verdadeiro proxecto de cambio. Un laboratorio político, unha aposta de esperanza que como fermento deberá seguir crecendo e multiplicándose a pesar do gran poder actual da extrema dereita dominante”.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 8 de outubro de 2024]

Volver