Italia: DDL 1660, Lei destrutora da liberdade
Fabrizio Burattini -
A DDL 1660 é, pois, un paquete represivo e propagandístico (algúns dos 20 novos delitos introducidos son de dubidosa constitucionalidade), destinado a reavivar o racismo e o apoio a unha parodia de xustiza na base electoral da dereita dura, nun momento en que as graves dificultades orzamentarias non permiten manobras demagóxicas destinadas a obter o consentimento
O proxecto de lei (DDL) núm. 1660 foi presentado á Cámara de Deputados hai máis de oito meses, o 22 de xaneiro de 2024, por iniciativa conxunta dos ministros Matteo Piantedosi (Ministro do Interior), Carlo Nordio (Ministro de Xustiza) e Guido Crosetto (Ministro de Defensa). A autoría da proposta é especialmente significativa porque indica que foi elaborada a nivel de todo o Goberno e porque implica e compromete os tres compoñentes da coalición de dereitas, dado que o tres representan respectivamente á Lega, Forza Italia e Fratelli d'Italia.
O proxecto de lei (DDL) seguiu até o de agora un camiño bastante tranquilo e directo na Cámara Baixa, con algúns meses de debate nas comisións de Asuntos Constitucionais e Xustiza, antes de ser aprobado pola Asemblea o 18 de setembro e pasar ao Senado (co número S1236) e onde se espera que se tramite rápido. Estímase que, salvo imprevistos, o proxecto de lei podería recibir a aprobación definitiva en outubro.
O texto do proxecto de lei afecta numerosos e variados ámbitos, aínda que non teñan relación entre eles, e constitúe unha grave medida adicional que -baseándose en argumentos de seguridade- criminaliza todas as formas de loita e mobilización, incluídas as máis pacíficas e gandhianas. Os diferentes artigos reforman puntos importantes do código penal e mesmo chegan a agravar o código italiano que, na súa meirande parte (agás algunhas revisións na inmediata posguerra e logo nos anos 70), segue sendo o redactado en 1930 polo ministro de Xustiza do goberno de Mussolini, Alfredo Rocco (Ministro de Xustiza de abril de 1929 a xaneiro de 1934).
A disposición é complexa, e para un exame máis fondo non podemos senón remitirnos a algúns artigos. Abonde, a título de exemplo, con mencionar os artigos seguintes: as reclusas nais de nenos menores dun ano, que até o de agora podían acollerse ao “adiamento da pena”, volverán agora ao cárcere cos seus bebés; prohíbese a venda e o consumo de cannabis lixeiro; os cortes de estrada e a resistencia pasiva ás infraccións administrativas pasan a ser delitos penais, con penas de até dous anos; estabelécese un novo delito de motín carcerario, con fortes penas (até 6 anos) para quen organice ou participe en iniciativas de protesta en cárceres e centros de internamento de inmigrantes irregulares, así como o novo delito de “ocupación ilegal de inmoble destinado a habitación allea” (contra as ocupacións de vivendas que queden baleiras ou de edificios abandonados como consecuencia da desindustrialización).
Manifestarse de forma “irregular” contra “grandes obras” -contra o tren de alta velocidade (TAV - Lyon-Turín), contra o proxecto de ponte sobre o estreito que separa a península de Sicilia, ou contra a devastación causada polos aeroxeradores en Sardeña, etc.- así como “preto de estacións de ferrocarril ou aeroportos” ou “preto de estacións ou estacións de metro” constituirán unha circunstancia agravante en relación coas sancións xa previstas no código preexistente.
Pero iso non é todo. Os “axentes de seguridade pública” estarán autorizados a levar e utilizar armas de fogo fóra de servizo, mesmo sen licenza. A “prohibición de entrar en zonas de infraestruturas de transporte” poderá ser ordenada polas autoridades policiais, mesmo en ausencia de orde xudicial. Prohíbese ás empresas de telecomunicacións vender cartóns de telefonía móbil (cartóns SIM) a estranxeiros “de países non europeos sen permiso de residencia válido”...
A DDL 1660 é, pois, un paquete represivo e propagandístico (algúns dos 20 novos delitos introducidos son de dubidosa constitucionalidade), destinado a reavivar o racismo e o apoio a unha parodia de xustiza na base electoral da dereita dura, nun momento en que as graves dificultades orzamentarias non permiten manobras demagóxicas destinadas a obter o consentimento. Ademais, esta iniciativa afonda na liña xa ensaiada co Decreto Caivano (setembro de 2023) -adoptado tras un episodio de violencia sexual realizado por menores no degradado barrio de Caivano, na periferia de Nápoles-, co que vai contra as festas rave, o Decreto Cutro (maio de 2023), adoptado despois de que se impedise o rescate dunha embarcación de migrantes que se afundiu nunha tormenta a poucos metros da costa de Calabria, co resultado dun centenar de mortos.
Para estas forzas políticas, non se trata só de buscar apoios doados para ocultar os problemas reais e inventar novos inimigos. A idea que cultiva a extrema dereita (e que de feito comparte a dereita liberal) é a de axustar contas coa sociedade e con quen vive nela, cos conflitos que a manteñen viva e sobreviven. E faino utilizando medidas ultrarrepresivas para golpear calquera forma de solidariedade: piquetes antidesafiuzamentos, piquetes fronte a unha fábrica ameazada de peche, piquetes fronte a un centro de detención con condicións inhumanas). Trátase dun verdadeiro programa político, non só de represión.
A liña adoptada pola maioría da dereita é tanto máis clara canto que, ao mesmo tempo que aprobaba o DDL 1660, a Cámara tamén adoptaba unha orde do día que comprometía ao goberno a crear unha “comisión técnica” para “estudar a introdución da castración química” no caso de delitos de violencia sexual ou en todos os demais casos con “motivos sexuais”.
Non podemos esquecer as responsabilidades neste ámbito dos chamados gobernos de centro-esquerda, que introduciron -por exemplo, baixo os gobernos de Paolo Gentiloni e Marco Minniti- certas medidas que agora se ven agravadas pola nova normativa deste partido de dereitas. E non é só unha cuestión de responsabilidades pasadas. A oposición parlamentaria parece tomar conciencia da gravidade do proxecto de lei só nos últimos días, e só grazas á difusión das iniciativas postas en marcha por Rete libere/i di lottare e, asemade, por outras organizacións. No momento da votación final no hemiciclo, só 91 deputados da oposición (dun total aproximado de 160) estaban presentes no hemiciclo. Sobre todo, esta oposición non se avergoñou de presentar unha serie de propostas (non sorprendentemente aceptadas polo goberno) que comprometían a este último a aumentar os gastos en novos policías e funcionarios de prisións, o que demostra que a opción represiva concirne ao conxunto do campo institucional.
Tras un longo período de silencio entre xaneiro e setembro, o PD (Partido Democrático), o Movemento 5 Estrelas e os sindicatos CGIL e UIL parecen por fin espertar ante a gravidade da situación. Ademais, as medidas represivas non só se dirixen contra as loitas radicais, senón contra todas as loitas, incluídas as baseadas na resistencia pasiva. Por suposto, só parecen decatarse disto unhas semanas antes da aprobación, pero máis vale tarde que nunca. O problema agora é construír, nun curto espazo de tempo -mentres o DDL 1660 se somete ao Senado- a unidade máis ampla endexamais alcanzada.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 3 de outubro de 2024]