Trasladan unha proposta de reparación ao persoal traballador do Concello da Coruña represaliado polo franquismo

A Coruña -

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña vén de achegar aos grupos políticos municipais unha proposta de homenaxe e reparación das traballadoras e traballadores do Concello da Coruña vítimas do franquismo. Esta proposta foi aprobada polo pleno da Xunta de Persoal o pasado 26 de setembro de 2023 e posteriormente presentada no rexistro xeral do Concello sen obter resposta até a data.

Neste contexto, a sección sindical da CIG decidiu "darlle impulso de novo a esta proposta enviándolla a todos os grupos políticos municipais co fin de que sexa debatida e aprobada polo pleno".

A proposta de actuación consistiría no seguinte:

  1. Realizar un censo de persoas traballadoras deste concello que foran represaliadas polo franquismo
  2. Recepción institucional ás familias das persoas traballadoras municipais vítimas do franquismo no salón de plenos do Concello da Coruña
  3. Anulación e restitución de todos os expedientes disciplinarios ditados durante a ditadura franquista contra traballadores e traballadoras municipais.
  4. Colocación dunha placa no Palacio Municipal de María Pita que lembre e honre a todos os cargos públicos e persoas traballadoras municipais que foron asasinadas ou represaliadas despois da sublevación militar de 1936 (entre outras persoas: alcalde Alfredo Suárez Ferrín, secretario Joaquín Martín Martínez, xefe de negociado Francisco Prego Campos.... e decenas de persoal funcionario municipal).
  5. Retirada de todas as distincións honoríficas realizadas polo pleno deste Concello ao longo da historia que contribuíron á represión dos/as traballadores/as municipais, así como de todos os escudos, placas, monumentos e grupos de vivendas na honra de alcaldes que foron artífices de accións represoras contra o persoal traballador deste concello durante o franquismo.

A sección sindical da CIG agarda "contar co apoio da totalidade dos grupos políticos municipais para que este acto de reparación e de xustiza saia adiante, como xa teñen feito outra moitas corporacións municipais".

Volver